xoves, 8 de decembro de 2016

SERAFÍN GRAÑA RÚA, POETA POPULAR

Serafín Graña Rúa nace en Cangas o 25 de marzo de 1907. Non ten traballo coñecido e vive grazas á caridade das xentes da ribeira, ao que lle dan de peixe para o xantar máis ou menos diario. Comía pouco e bebía algo máis naquelas "palomitas brancas" que hoxe venden como recordo aos turistas. Para os poucos gastos de diario vainos procurar buscando nos lugares onde se atopan os diñeiros dos demais, nas carteiras mal coidadas dos descoidados veciños da cidade de Vigo onde "traballaba" e onde ía sendo coñecido polas arteiradas que facía. 



Vive no antigo camiño do Cárcere que despois pasou a denominarse rúa Aurora e dende o ano 1932 é coñecida como rúa Benigno Soaxe (a primeira á dereita subindo da rúa Real). No número 25 desta céntrica rúa tiña a súa casa Serafín e alí morre, rodeado de gatos, o 11 de decembro de 1983. O Concello organizoulle o enterro nun nicho alugado no cemiterio parroquial de Cangas.
Tiña Serafín unha grande capacidade para improvisar versos sobre calquera tema e en calquera circunstancia ou acontecemento. Tamén os facía coa súa propia vida:

AI SERAFÍN, SERAFÍN
LEVAS MALA VIDA
VAS A TER MAL FIN.

NON TES QUEN TE QUEIRA
NIN MULLER NIN FILLOS
TANTA BORRACHEIRA
NON TES CALZONCILLOS.

NON TES COBERTOR
CARO NIN BARATO
NON TES MÁIS CALOR
CO QUE CHE DÁ O GATO.


NON TES QUEN TE QUEIRA
NIN MULLER NIN FILLOS
DORMES NA BODEGA
SEMPRE EN CALZONCILLOS.

VAS Á DE BURIÑO,
VAS Á DO RINCÓN,
VAS ÁS TRES PORTIÑAS
E XA TES UN TABLÓN.

AI SERAFÍN, SERAFÍN
LEVAS MALA VIDA
VAS A TER MAL FIN.

Dicíamos que traballaba fundamentalmente en Vigo e en ocasións ruaba co seu argán ("arján", dicimos en Cangas) polo Berbés mariñeiro onde recibía algún agasallo en especies de amigos e coñecidos. Nunha ocasión agasallárono cunha pescada e Serafín fíxose cargo do ejemplar gardando na saqueta de tela. De alí a pouco foi acusado por unha persoa de terlle subtraído un billete de 1000 pesetas. Conducido pola policía á comisaría de Tomás Alonso foi cacheado conveniente e concienzudamente pero o billete verde non apareceu. Serafín agarrado firmemente á pescada agasallada saíu vitorioso do cacheo. Os policías non se decataron de abrirlle a boca á pescada. Dentro estaba o billete ben dobradiño.

Era moi manitas coas carteiras dos demais pero endexamais tiña roubado en Cangas. Polas festas que sempre se producían pequenos roubos marchaba da Vila para non ser acusado de delitos que el non cometía. En Cangas nunca collía nada.Todos dan por certo que Serafín en Cangas non traballaba. Nunca ocasión sendo unha rapaciña (Xermana)  faltáronlle 30 pesetas daquel tempo. Como non lle apareceron foron preguntarlle a Serafín si fora el. Non foi. E crérono. Críano todos en Cangas. 
Algunha que outra guapa señora, moza naqueles anos, recorda a Serafín escribindo no barco da pasaxe de camiño a Vigo ao coincidiren indo ela cara aos traballos na cidade. A poucas mulleres lles tiña dado os poemas escritos. Hoxe Mucha non os conserva e están perdidos.



Conta a anécdota o artista Camilo Camaño Xestido que con ocasión da visita que o Gobernador Civil da provincia de Pontevedra xirou ao Concello de Cangas entrevistouse co alcalde da vila no despacho da casa do concello naquela altura na rúa Real.
Ao chegar a hora de xantar baixaron e atoparon a Serafín na fonte do Cabalo collendo auga no seu particular balde de envase de folla de lata. O alcalde diríxese a el, en presenza do sr. Gobernador e dílle: -Pillín, pillín. Este é un pillín. Leva moi mala vida.
O Gobernador saúdouno e, dalí a pouco, despedíronse e foron comer a Casa Filgueira (hoxe casa Juan). Serafín marchou para a súa casa coa sella de auga e bastante enfurruñado pola presentación que o alcalde fixera del diante de xente forasteira. Pasou unha hora. Estaban acabando o xantar na Casa Filgueira e até eles se achega Serafín: -Sr. Gobernador tome o bolígrafo e a carteira que son súas. ¡Ah! Voume presentar. Chámome Serafín Graña Rúa. E dando media volta marchou por onde viñera.
Algo semellante lle pasou cun veciño de Aldán moi fanfarrón que medio se chuleaba de que a el non era quen de sacarlle nada do que levaba enriba. Ao pouco tempo de ter dito isto Serafín, entregoulle a carteira demostrando a súas habilidades coas mans. Tamén moi  habilidoso coas mans foi Crisanto, afamado carteirista, que vivía fronte ao forno de Rosa.
Nunha ocasión, naqueles anos en que a xente usaba carrancáns, estaba Serafín falando co Sr. Cura no atrio da igrexa de Cangas e pasou unha señora que lles interrompíu a conversa que tiñan e preguntou: 
- Serafín, e ti cantos anos tes? E o poeta con retranca repuxo: 
- Señora, se me pregunta en castellano que cantos anos teño,  contesto que uno solo e se me preguntou en galego direille que non teño ningún año porque non teño ouvellas. Así que váiase e non interrompa.
Contan e dano por verídico en Cangas que un día que viña cargado soltoulle os porcos que estaba criando unha irmá súa, nos baixos da casa no Sinal, e ao ceibarllos ía berrando pola rúa ¡Non quero madrileños na miña casa!



Conta Eugenio Eiroa que Serafín sempre presumía de terlle gañado un preito ás súas irmás. O suposto preito, que nunca existiu na realidade, consistía no reparto do herdo familiar polas súas irmáns cando finase Serafín. Ao cabo gañouno el porque elas, coitadas, morreran antes co poeta.
Reproduce o propio don Eugenio unha anécdota contada por Suso Barreiro, do restaurante Batel, que é merecerte de ser reproducida para acercarnos ao perfil humano de Serafín. Dí así: Unha mañá de mercado coas rúas acuguladas de xentes estaba Serafín recostado nunca parede enfronte do edificio do Mercado cando reparou que un mozote despois de apoderarse dun molete de pan liscou decontado pola rúa Real. Diante dos berros da vendedora acudíu a Garda Civil que atopando a Serafín apalancado, de observador dos feitos preguntáronlle se vira escapar un mozo por aquela esquina. Serafín, que de parvo non tiña un pelo e ben sabía por propia experiencia o que era a fame, respostoulle coa maior sinceridade que lle foi posible "Eu non mirei nada, porque cando eu cheguei eiquí, aquela esquina xa estaba alí" e despachou o asunto. Así era Serafín.
Por mor dun naufraxio con vítimas mortais, os familiares recibiron unhas cantidades económicas en concepto de axudas. Contan e cantan unha canción que Serafín poeta popular compuxo a uns pais do lugar da Magdalena que cos cartos que lles deron de indemnización pola morte dun seu fillo montaron como unha discoteca. 
Serafín contan que tiña unha grande facilidade para compoñer versos. Calquera acontecemento que ocorrera xa estaba Serafín escribindo o acontecido. Hai algúns anos cando aínda se usaban os carrancáns e as augas fecais non estaban canalizadas, os veciños do Sinal ían coa "pieza", cos caldeiros, a botar todas as inmundicias na Ribeira. Naquela altura abriron a droguería Maruxa, moi preto da Casa da Bola, e, polo fedor que había naquel lugar Serafín compuxo unha cantiga que comeza así:

Van poñer unha perfumería
nestas calles do Señal
con ricas colonias
e xabrón da Toxa.

Tamén lle fixo unha cantiga á cociñeira da fábrica de Massó, que tiña sona de poñer pouca comida nos pratos:
A cociñeira que temos
dalle un barexiño ao prato
para que pareza moito
porque dicen que é barato.

Outra historia que contan as que o coñeceron é que Serafín cantaba acompañado dunha lata cunha corda que facía as veces de violín era a historia da Carballa e o seu home relacionada co racionamento e o estraperlo. Ás veces os cartóns aqueles verdes de picadura cambiábanse por aceite. "Un home de bufanda e con gafas que saíra de noite" era o Carballa que tiña a barbería ao lado da churrería de Sra. Pilar que facía unhas galletiñas que nos diciamos "de Vigo"... Historias que case non se entenden, que se mesturan, que se entrecruzan, a maior parte delas son reais outras imaxinadas ou atribuidas a un home pequeno de corpo pero habelencioso coas mans, fino para as carteiras e preocupado polo acontecer dos demáis, amigo dos rapaces e dos gatos. Todo un personaxe. Serafín.
¿Qué podería ter sido Serafín se tivese estudios, se tivese unha vida máis aquelada, máis coidada? Como dixo Xosefa lembrándose do chiste "se tivese barbas San Antón e senón a Santísima Concepción". 
Unha persoa como Serafín amigo dos nenos, respectuoso cos seus veciños, pendente sempre do acontecer diario, das protestas da comunidade, dos cambios que se ían producindo, aterrados, conflito das lanchas, Vitrasa, destrución da capela do Hospital, etc. Podería ter sido, con permiso de don Eugenio Eiroa, até un magnífico colaborador literario de Faro na capital do Morrazo porque a el acudían os veciños para contarlle feitos, protestas, demandas do acontecer diario. Era buscado pola facilidade que tiña para compoñer e facerse eco das protestas cidadáns que naqueles tempos de ditadura eran soportados polo poder.


O seu sino foi malvivir poas rúas e tabernas e "traballar" o necesario, en Vigo, para ir tirando, comendo pouco e bebendo algo máis. Serafín era consciente da vida que tiña. Tan consciente era que nun seu poema "As bruxas de Cangas" cando é recriminado pola vida que leva e dinlle que "has ir direito de aquí a quentarte ó inferno" responde con estes versos

"xa fai tempo no inferno
 que estou metido en el
 anque o meu é máis moderno
 aínda é peor que aquel."

Hai que miralo na "cola do gas", no almacén de Levita, con esa cara de listo, de pillo, reideiro e ditoso, rodeado de nenos, os seus grandes amigos. De pelo negro liso, testa despexada, ollos vivaces, nariz curvo e aguileño, boca grande de buzón de correos, camisa branca e traxe negro, descoidado, coa correa do pantalón que mal lle amarra as cirolas e permítelle á camisa saír cara a fóra.

Serafín, o Poeta- Carteirista, con  letras maiúsculas e sen comiñas que non che gustan. Xa conta Eugenio Eiroa que non lle pareceu nada ben que escribira  calificándoo de "poeta popular".

Cando eu cheguei a Cangas ti estabas xa marchando. Alá onde estés que teñan coidado coas carteiras, si as hai, porque ti en Cangas non traballabas pero fora sí. De todos xeitos é mágoa que marchases tan cedo. Si hoxe estiveras entre nós verías como cambiaron os tempos. Xa non se usan as mans para birlarche un billete. Non. Agora o sistema pasa polas áreas comerciais estranxeiras con ganchos nas ofertas que fan picar a moita xente que pensa que merca barato ou polas compañías telefónicas cos seus móbiles que xa llos meten até os nenos, países poderosos que invaden outros que teñen petróleo asegurando que teñen armas de destrución masiva e despois non llas topan, etc. Ti hoxe Serafín, de vivires entre nós, xa non terías que traballar moito con poucos euros terías para moitos días. 



Quédannos os retratos que che fixo Benigno "O Moreno" que traballaba, preto da túa casa, pasando a ferraxería de Baldomero e que ía fotografando os aconteceren do vivir cangués até que chegou Marcial a traballar os domingos e retirouse. Aí estás para sempre co teu traxe negro de pé como un gran cabaleiro, ou na taberna de Buriño tomando a chiquita, na fonte do Cabalo collendo auga no teu peculiar balde, na cola do Gas no almacén de Levita sinalando o chan coa man e levantando a gorra que tanto che serviu para traballar, deitado no chan descansando da lura, ou a carón de nenos á porta da polería ou rodeado de gatos, os outros teus grandes amigos. 

Velaí vas Serafín cos teus poemas que atopamos e os que che dedican Cecilio Rial e Pepe Santos os teus compañeiros de versos, camiño da imprenta para que vivas un pouco máis nos corazóns dos que te quixeron tal como eras e tal como foches. 



Cangas 28 de decembro de 2004. 
Fernando Cuñarro Pintos 

Descarga  a vida de Serafín Graña Rúa por Fernando Cuñarro: Serafín Graña Rúa por Fernando Cuñarro .pdf
Descarga a vida de Serafín Graña Rúa por Luisa Fernández Mariño: Vida de Serafín Graña Rúa por Luisa Fernández Mariño .pdf
Enlace ás fotos: Fotos Serafín Graña Rúa

Ningún comentario:

Publicar un comentario