xoves, 15 de decembro de 2016

CECILIO RIAL

Cecilio Rial Pérez naceu no 133 do Outeiro de Balea (actualmente numero 33) o 12 de decembro de 1925. Foi o primeiro de tres irmáns, Cecilio, Ermidas e Pepe. Herdou o nome do seu pai mariñeiro de profesión “pulpeiro”, e a súa nai Celia traballaba na fabrica conserveira de “Massó” limpando a anchoa. Cecilio estudiou na escola de Balea cerca do Restaurante Simón,”na da Cachola”e máis tarde foi a clases de pago na de Filo a muller do Ghalo pero pronto deixou os estudos para poñerse a traballar. 


ROMARÍA DE SOÑOS, Cecilio Rial

TÍTULO: Romaría de soños, Cecilio Rial
EDITORIAL: Asociación Cultural A Cepa
Nº PÁXINAS: 114
ANO: 2013
IDIOMA: Galego

O libro ten catro partes e está prologado por Fernando Cuñarro. A primeira parte do libro trata a biografía do poeta, escrita pola súa neta Fátima e con unha ampla reportaxe de imaxes do álbum familiar; a segunda encabezada pola carpeta azul onde Cecilio gardaba os seus poemas, están os seus versos:"Cangas", "A lancha", "A Praza"... e así ata 32. A terceira parte está dedicada á importancia do entroido na vida do poeta, as súas colaboracións de letras coas comparsas... A publicación remata con un álbum fotográfico da súa parroquia de Darbo e poesías dedicadas aos seus recunchos e colaboracións sobre a figura deste poeta, xa inmortal, a cargo de Camilo Camaño, Xosé Vázquez Pintor, Bernardino Graña, Pepe Poeta, do seu fillo Miguel e da súa neta Fátima.

Para descargar pincha no enlace de abaixo (en pdf ou mobi se tes un libro electrónico) e dalle a descargar.

Descarga en .pdf: ROMARÍA DE SOÑOS, Cecilio Rial .pdf
Descarga en .mobi: ROMARÍA DE SOÑOS, Cecilio Rial .mobi

martes, 13 de decembro de 2016

PEPE SANTOS, "O POETA"

Xosé Santos Rodríguez nace en Cangas  o seis de xuño de 1918, ano no que remata a Primeira Guerra Mundial. Vai á escola de Xosé Monge, ata os 11 anos. Continúa estudios con Pepe Azpeitia na Fonte do Galo e co mestre do Pósito de mariñeiros, Felipe Carnicer. Pero onde vai espertar ao mundo da poesía é na Escola de Noite de Manuel Mosqueira (Barbicas).



De mozo organiza excursións ao monte e, despois do xantar, recitaba poesías da súa colleita, enaltecendo as belezas da natureza que contemplaba dende os cumes. Destes tempos, anos 40, son os equipos de fútbol Justicia, Juventud e Pentalfa que el fundou. Foi conserxe do Centro Recreativo con sede na Casa da Bola onde aprendeu a xogar ao billar. Na panda de cinco amigos da Peña Pentalfa vaille quedar para sempre o sobrenome de Pepe Poeta.

VELEIRO DE SOÑOS, Pepe Santos "O Poeta"

TÍTULO: Veleiro de soños, Pepe Santos "O Poeta"
EDITORIAL: Asociación Cultural A Cepa
Nº PÁXINAS: 114
ANO: 2003
IDIOMA: Galego

O libro recolle cincuenta poemas de Pepe Santos, unha breve reseña biográfica escrita por Fernando Cuñarro, un álbum fotográfico e textos de Xosé Vázquez Pintor e Rafael Mayor.

Para descargar pincha no enlace de abaixo (en pdf ou mobi se tes un libro electrónico) e dalle a descargar.

Descarga en .pdf: Veleiro de soños, Pepe Santos "O Poeta" .pdf
Descarga en .mobi: Veleiro de soños, Pepe Santos "O Poeta" .mobi

xoves, 8 de decembro de 2016

FOTOS ANTIGAS DE CANGAS


SERAFÍN GRAÑA RÚA, POETA POPULAR

Serafín Graña Rúa nace en Cangas o 25 de marzo de 1907. Non ten traballo coñecido e vive grazas á caridade das xentes da ribeira, ao que lle dan de peixe para o xantar máis ou menos diario. Comía pouco e bebía algo máis naquelas "palomitas brancas" que hoxe venden como recordo aos turistas. Para os poucos gastos de diario vainos procurar buscando nos lugares onde se atopan os diñeiros dos demais, nas carteiras mal coidadas dos descoidados veciños da cidade de Vigo onde "traballaba" e onde ía sendo coñecido polas arteiradas que facía. 



Vive no antigo camiño do Cárcere que despois pasou a denominarse rúa Aurora e dende o ano 1932 é coñecida como rúa Benigno Soaxe (a primeira á dereita subindo da rúa Real). No número 25 desta céntrica rúa tiña a súa casa Serafín e alí morre, rodeado de gatos, o 11 de decembro de 1983. O Concello organizoulle o enterro nun nicho alugado no cemiterio parroquial de Cangas.
Tiña Serafín unha grande capacidade para improvisar versos sobre calquera tema e en calquera circunstancia ou acontecemento. Tamén os facía coa súa propia vida:

AI SERAFÍN, SERAFÍN
LEVAS MALA VIDA
VAS A TER MAL FIN.

NON TES QUEN TE QUEIRA
NIN MULLER NIN FILLOS
TANTA BORRACHEIRA
NON TES CALZONCILLOS.

NON TES COBERTOR
CARO NIN BARATO
NON TES MÁIS CALOR
CO QUE CHE DÁ O GATO.

TABERNA DE SOÑOS, Versos de Serafín

TÍTULO: Taberna de soños, versos de Serafín
EDITORIAL: Asociación Cultural A Cepa
Nº PÁXINAS: 114
ANO: 2005
IDIOMA: Galego

O libro recolle uns sesenta poemas. Unha parte importante, uns vinte, inéditos, foron aportados por Bladimiro Mielgo. Algúns non foron nunca escritos. A Cepa os recolleu de persoas que trataron a Serafín e acordaban algúns poemas.

A publicación inclúe unha breve reseña biográfica de Serfín.

Para descargar pincha no enlace de abaixo (en pdf ou mobi se tes un libro electrónico) e dalle a descargar.

Descarga en .pdf: TABERNA DE SOÑOS, VERSOS DE SERAFÍN pdf
Descarga en .mobi: TABERNA DE SOÑOS, VERSOS DE SERAFÍN .mobi


luns, 5 de decembro de 2016

ACTUALÍZATE CON A CEPA E CINANIA!!

Estás ao día do código de circulación? Seguro?

A Cepa organiza, coa colaboración de Autoescuela Cinania,  unha xornada informativa do código de circulación o xoves 15 de decembro ás 18:00h nas instalacións da Avenida de Bueu da Autoescuela.



Entérate das novas normas, revisa conceptos e resolve as túas dúbidas nesta xornada informativa de entrada libre e gratuíta.

Xa sabes: xoves 15 de decembro ás 18:00h na Avenida de Bueu Nº12 bajo.

Para máis información: 644 97 81 38 ou autoescuelacinania@yahoo.es